Radioactividade mar adentro

1940 U-boote en el Atlántico - Geoff Hunt

Hai uns días que esta noticia virou o temón do blogue quimidicesnews a Galicia, e sempre que falamos do noso, o facemos en galego.

https://www.farodevigo.es/galicia/2019/05/04/xunta-admite-carece-informacion-controles/2098678.html

A Xunta de Galicia non ten medicións nin informacións da radioactividade do Fosa Atlántica, onde descansan 140.000 toneladas de residuos nucleares.  Entre 1949 ata 1982 mergulláronse 223.000 bidóns de aceiro e formigón cheos de material nuclear. Os países implicados foron Gran Bretaña, Holanda, Francia, Bélxica, Alemaña, Italia, Suíza e Suecia, deixando á deriva a fosa a 4000 metros de profundidade e 650 km da costa galega. Dende 2005, data da última inspección do OIEA (Organismo Internacional de Enerxía Atómica), ninguén vixía o material radioactivo, sempre xove, sempre Xonxa, mar adentro.

Punta de Estaca de Bares. Mañon (La Coruña).

Non me cubras de terra, nin me metas nun nicho.
Se non queres mirarme, lévame a campo aberto,
déixame ollando o ceo para irme repartindo
entre todo o que queira levarse de min algo.
Un verme, unha mosca, un paxaro calquera…
ata que me consuman por amor regalado
para empurrar a vida soñando pero libre,
que cada un recolla o que me deu prestado.
Así, cando caia, deixádeme caído
para retornar á vida alí onde eu caia.

Extracto do poema “Cando eu caia “ de Ramón Sampedro

Vandellòs Nuclear Power Plant

Xa falaramos noutra ocasión da radioactividade, fusión e fisión de átomos radioactivos no Post Uranio no es un planeta.

O que imos facer é falar dos residuos ou refugallos nucleares e da química que os envolve.

Comezamos coa  historia das centrais nucleares en España. Podemos ver na imaxe as 3 xeracións que marcan a evolución da enerxética no pais.  Á primeira xeración pertencen centrais proxectadas nos 60 rematando as construcións a comezos dos 70.  Cabrera foi a primeira á que se aplicou o programa de Avaliación Sistemática (Systematic Evaluation Program) da Nuclear Regulatory Commission (NRC, EEUU) para incorporar melloras, reparacións e modificacións do deseño.

No caso de Garoña, tamén viviu o plan de mellora despois de avaliación, coma no caso da substitución dos aneis de material anticorrosivo, do tipo de combustible e as tubeiras de recirculación. Tamén mellorouse o sistema de tratamento de residuos gasosos e líquidos.

Entenderemos entón que un dos problemas de esta industria é a corrosión baixo tensións, que xa falabamos no post do cobre.

@manuelcalavera mais imaxes no seu blogue

Ciclos do combustible e residuos

Image from page 598 of "Collected reprints, Essa Institute for Oceanography" (1966)

O combustible chega á central en bastidores de aceiro inoxidable, que é un tipo de aceiro con un mínimo do 11% de cromo. Este elemento químico é capaz de crear unha película pasivante moi fina e continua que lle da estabilidade o material. Ademais o aceiro inox posúe gran resistencia mecánica, resiste temperaturas elevadas e crioxénicas. As barras de combustible insiren dióxido de uranio lixeiramente enriquecido e, xunto a elas, van as barras de control con seccións absorbentes de aleacións de prata, iridio e cadmio.

Tamén chegan as pastillas de dióxido de uranio dentro de tubos cerrados de zircaloy-2. O zirconio emprégase porque unha pequena sección é eficaz fronte a neutróns térmicos, resiste a corrosión do vapor de auga a elevadas presións e temperatura, e ter elevada estabilidade baixo a radiación. Neste caso, o control mantense con barras de aceiro cheas de pó compacto de carburo de boro capaz de absorber neutróns. O boro é coma un tragaldabas, captura neutróns sen cambiar de elemento. Por iso emprégase tamén na auga da piscina de combustible.

Trojan Nuclear Plant at Ranier on the Columbia River. Built by the Portland General Electric Company Under an Aec Permit, the Project Has Met Stiff Opposition From Environmentalists and Others 05/1973

No programa de vixilancia ambiental inclúense toma de mostras de partículas de pó e radioiodos (131 I) no ar, deposicións de chuvia, solos e vexetación, mostras de augas superficiais, auga potable e subterránea.

Os refugallos radioactivos líquidos mantense nos depósitos de retención onde desintégranse e neutralízanse antes de chegar ó evaporador. Despois diso, sofren un proceso de destilación, desmineralizacións catiónica, aniónica e leito mixto, botando fóra o destilado nunha descarga ó exterior ou reutilización.

Por outro lado, os refugallos gasosos recóllense no depósito regulador de presións e almacénanse ata desintegración. Seguidamente, os gases son filtrados separando as partículas e radioiodos ata depósitos de decaemento o tempo segundo actividade. Os efluentes teñen como dose límite equivalente efectiva 1mSv/ano e dose equivalente efectiva 0,1mSv/ano.

Enrico Fermi Nuclear Generating Station

Os concentrados do evaporador, os cartuchos de filtro, as resinas cambiadoras de ións e absorbentes como trapos, papel e roupas son os refugallos sólidos. O tratamento que levan é a solidificación en cemento para os concentrados, formigón para cartuchos e resinas e compactación para o resto. A seguir, todos os refugallos son encerrados en bidóns metálicos de 210 litros e almacénase. As instalacións de acondicionamento foron actualizadas no primeiro semestre do 1993 , coa nova instalación de solidificación. Estou a falar da central José Cabrera onde se rexistraron os bidóns producidos e acumulados dende 1972 ata 1997.

No caso do combustible irradiado, os elementos descargados do reactor foron enviados para o seu reprocesamento ó Reino Unido ata 1983, que almacenouse o combustible en bastidores dentro do recinto de contención na piscina de combustible (residuos de alta actividade). Este coincide co fin da parada fría e a introdución de modificacións na central.

Los residuos de alta actividade son o combustible irradiado nos reactores de ciclo aberto e residuos vitrificados procedente do reproceso do combustible irradiado de reactores de ciclo fechado. Estes últimos xeran calor e conteñen isótopos de vida media e baixa. Ámbolos dous entérranse internacionalmente en instalacións de almacenamento en formacións xeolóxicas en profundidade. Xunto a elo, as barreiras de seguridade son: a matriz propia do óxido de uranio, o contedor ou cápsula de cobre ou titanio e materiais de recheo o selado (mestura da arxila bentonita e rocha triturada).

Materiais do reactor

Ei Fennovoiman ydinvoimalalle! No to Fennovoima's nuclear power plant!

A vasilla do reactor está feita de aceiro ó carbono recuberto de aceiro inoxidable. O aceiro ó carbono conten mais porcentaxe de carbono (0.5%- 1% ) que o aceiro ordinario (<0.5% ), conseguindo mais tenacidade para soportar esforzos bruscos sen deformarse.

O edificio ou recinto de contención para a blindaxe contra as radiacións gamma e neutróns. Para iso, a estrutura é unha lousa de cementación circular plana de formigón armado e unha cúpula de aceiro. O formigón armado é un dos materiais que mais atenúa e protexe da radiación absorbéndoa e desviándoa a través do seu espesor.

Radioactividade no mundo

fonte
https://www.foronuclear.org/es/energia-nuclear/energia-nuclear-en-el-mundo/mapamundi-de-centrales-nucleares

Son 448 reactores actualmente en operación producen arredor do 11,5% da electricidade mundial e 58 unidades en construción.

OIEA son as siglas do organismo Internacional de enerxía atómica, que coopera coa OMA (organización Mundial de Aduanas) e a INTERPOL  na prevención do desprazamento involuntario e o tráfico ilícito de materiais radioactivos. Pois ben, existe hoxe a Convención sobre a protección física dos materiais nucleares no transporte nuclear internacional firmado no 1980. Esta convención ten unha emenda no 2005 co obxectivo de lograr e manter en todo o mundo unha protección física eficaz dos materiais nucleares (plutonio excepto isótopo 238, uranio 233, uranio enriquecido nos isótopos 235 ou 233) . Para iso, ten que existir responsabilidade do Estado no establecemento, aplicación e mantemento.

O OIEA clasifica os residuos de medicina, industria, agricultura, investigación e ensinanza segundo o potencial de causar efectos deterministas sobre a saúde. A clasificación identifica as fontes radioactivas dende categoría 5 (a menos perigosa) ata categoría 1. Para ter unha visión do risco, aquí tes o porcentaxe de cada categoría recollido por: 0.41 % para categoría 3 (cesio 137), 15.70 % de categoría 4 e 82.64 % de categoría 5 (radio- 226), e por debaixo do valor de exención 1.24 %.

En España existe unha rede de 25 estacións automáticas de vixilancia radiolóxica (REA) en continuo e estacións de mostraxe coa finalidade de controlar o índice de radioactividade da atmosfera, augas e solo. Alén diso, a Dirección Xeral de Protección Civil dispón de 907 estacións automáticas de medida da taxa de dose de radiación gamma, sobre todo na costa.

Como conclusión, sirva esta reflexión. Non sabemos que residuos permanecen somerxidos na Fosa Atlántica, agora sabemos que materiais se empregaron para a súa contención e os plans de vixiancia radiolóxica actuais e a longo prazo. O mundo non pode permitir hoxe unha xestión dos residuos sen control nin responsábeis.

Quero ir ó mar porque alí teño
nos seus abismos os meus segredos,
os meus soños de home
e os meus soños de neno.”

Extracto do poema “Quero ir ó mar “ de Ramón Sampedro

BIBLIOGRAFÍA

“Cando eu caia” Ed Xerais,  Ramón Sampedro

http://www.literaturbia.com/2018/03/14/poema-de-ramon-sampedro/

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2013/20130408/AnuncioCA02-020413-0001_es.html

Ley 25-1964, de 29 de abril, sobre energía nuclear

Ley 15-1980, de 22 de abril, de creación del Consejo de Seguridad Nuclear

Real Decreto 1836-1999, de 3 de diciembre, por el que se aprueba el Reglamento sobre instalaciones nucleares y radiactivas

Instrucción IS-26, de 16 de junio de 2010, del Consejo de Seguridad Nuclear, sobre requisitos básicos de seguridad nuclear aplicables a las instalaciones nucleares

Directiva 2014-87-EURATOM, del Consejo, de 8 de julio de 2014, por la que se modifica la Directiva 2009-71-EURATOM del Consejo, de 25 de junio de 2009, por la que se establece un marco comunitario para la seguridad nuclear de las instalaciones nucleares

Directiva 2009-71-EURATOM del Consejo, de 25 de junio de 2009, por la que se establece un marco comunitario para la seguridad nuclear de las instalaciones nucleares (OIEA) Principios fundamentales seguridad SF-1

Cementei o mar

cementei.jpg

Cementei o mar para chegar mais lonxe, chegar onde só chegan paxaros e peixes. E sentínme mais ceibe que forte sabendo que a Natureza constrúe e destrúe a sua graza.

Puzolanas son sustancias naturais ou artificiais feitas pó e amasadas con cal para funcionar como aglomerantes para adherir materiais. Fraguan ao mezclar con cais pertencendo á clase de aglomerantes hidráulicos como os cementos e cais xa que endurecen no ar e auga.
A composición química das punzolanas é doada, soamente lle falta o cal para a reacción: óxidos de silicio (maior do 25% en masa) , de aluminio , de ferro e magnesio. Xunto ó hidróxido de calcio forma silicatos e aluminatos de calcio, capaces de endurecer o material.
O nome de puzolana ven do xacemento de Puzzuoli na baía de Nápoles, empregada por gregos e romanos como aglomerante ata a chegada dos cais hidráulicos no século XIX, necesarias para a cementación en augas marítimas e fluviais.
O cemento do latín caementum, que significa argamasa, consegue formar masas pétreas resistentes cando se mestura con áridos e auga. En 1824 saía a patente do cemento Portland de cor similar á pedra da illa inglesa de Portland.
Panorama from Pulpit Rock of Portland Bill, Isle of Portland, Dorset, England
A composición química clasifica os distintos cementos e dótalle de propiedades importantes como o tempo fraguado, resistencia e estabilidade de volume. A trinidade química está composta por cal ou óxido de calcio, sílice ou óxido de silicio e óxido de aluminio. Alén disto, outros compostos en menor medida poden existir na materia o formarse a partir de estes.
Cemento Portland
• Cemento de forno alto
• Cemento puzolánico
• Cemento composto

Cementos resistentes á auga do mar:
‒ cementos portland C3A > 5% , C3A + C4AF < 22% ‒ cementos portland con adicións (escoria de forno alto, fumo de sílice, puzolana natural, cinza voante. C3A > 8% , C3A + C4AF < 25%

‒ cementos con adicións puzolana C3A > 8% , C3A + C4AF < 25%; composto. C3A > 10% , C3A + C4AF < 25% ;escoura de forno alto

C3A: aluminato tricálcico (Al2O3•3CaO ) e C4AF: ferritoaluminato tetracálcico (Al₂O₃•4CaO•Fe₂O)
O proceso de fabricación de cemento marca 3 etapas: moenda das materias primas caliza, marxa e arxila; cocción deste cru a 1450ºC obtendo o chamado “clínker” de cemento e , por último, moenda do clínker con outros compostos como cinzas, punzolanas ou xeso.

cementei o mar
Os morteiros son mesturas plásticas obtidas da suma de aglomerante, area e auga que serven para unir pedras e ladrillos. Móense e machúcase cemento; area de rocha natural silícea, granitica, arxilosa (menos do 3 %), caliza e feldespática; e auga.

mar Cies
Se tes algún amigo ou amiga arquitecto, arquitecto técnico ou enxeñeiro, abofé que xa contaran a diferenza, porque é unha teima que teñen a ensinarnos: a diferenza entre cemento e formigón.
O formigón é o resultado de mesturar aglomerante, area, grava o pedra machucada, auga e aditivos (menos do 1 %). Nas obras marítimas empezou a empregarse xunto cun armazón de ferro desde final do século XIX formando o chamado formigón armado en pontes e depósitos. Substituíndo materiais como no caso do cable inglés, o ferro deixa o mar para mollar aceiro resistindo esforzos de compresión e tracción.

cies paseo
Quimicamente, o formigón que vai endurecer polo aglomerante: cemento ou morteiro, entón o cemento é a base del. Para diminuír a permeabilidade do formigón emprégase microsílice e, ao quedar mergullado no mar no tempo da posta en obra, elíxese cemento de fraguado rápido.
O auga do mar ataca os morteiros e formigóns cos sulfatos e cloruros magnésicos desprazando calcio da obra polo magnesio. As sales formadas sulfato cálcico e cloruro de calcio conseguen desagregan o material ao cristalizar os sulfatos e disolver o calcio do cloruro soluble. Perde química, gaña reactividade con outros compoñentes como aluminatos e deixa a peza cinguida polas accións mecánicas das onda do mar.

Cementar cementei onde non era meu. Cando o mar descubriume, afastou todo aquilo.

 

Quimioterapia: batalla sen cuartel

Desmitificando la velocidad de la luz...Antes da alborada, a operación daba comezo. Máis dun milleiro de recrutados rompía o silencio con certo sixilo a varios centímetros do asentamento inimigo. Esta última Task Force de antimitóticos avanzaba desafiante coa única misión de evitar unha incontible multiplicación e despregue do inimigo.
Non haberá orde en cuberta, non soarán hordas en liñas de defensa. Aprestábanse a saltar a zona hostil con este mantra tronando nas súas cabezas.

Os preparativos xestáranse tempo atrás. A fronte de operacións designara o onde deste tratamento neoadxuvante grazas á pericia do escuadrón volante en análise e PET.
A destreza do comando consegue evitar un ataque a petral, corpo a corpo, liberándose unha salva de fogos vertixinosos e ferintes que alcanza o ambicionado fin. Pero a vitoria sempre é agridoce.

FourDaysPlus-228
Apeando a artillería 2 horas despois albiscouse a realidade: a brigada CD8 supresora e a brigada CD4 colaboradora foron decimadas con fogo amigo, o que xerou lasitude no corpo belicoso durante o armisticio.
A operación cíclica péchase cada 2 semanas. O xefe de Operacións Combinadas encárgase de planificar irrebatiblemente o subseguinte asalto. Pero nesta ocasión incorpóranse novas forzas en xogo ao descender o sol.


FourDaysPlus-219
A escuadrilla concomitante e os axentes de radiolocalización cumpren defensa de demarcación e despregue baixo as ordes do coronel. E así fixeron.
A refrega salvouse con tiro de enfilada, onde se feriu polo costado inimigo. Grande foi o triunfo compartido cumprindo o seu cometido. Aínda que, do mesmo xeito, as baixas de milicias internas non permitían festividade.

SixMonths...
O distrito militar híbrido de monoclonais aúna o poder das brigadas CD8 e CD4 inhibindo reacción do inimigo ata o seu exterminio por apoptose.
Nesta ocasión, as hostes inimigas pasivas non reaccionaron. Era o anhelado. Un vao impracticable onde sementar esperanzas con novas forzas.
Misión cumprida

GVHD-103

 

Como se fai: o aceite

O aceite, como produto da industria aceiteira, ten unha raíz profunda na nosa terra, mais falo do Norte tamén. Vigo, a miña cidade, aínda hoxe abandeira o apelido de cidade olívica polo seu pasado. Os Reis Católicos reduciron o número de oliveiras na cidade para centralizar a produción no Sur.

Hoxe facemos aceite, zume da oliva de moitas propiedades e usos, que garda procesos coidadosos coa limpeza e calidade.

Polímeros e redes: coma barrufa e brétema

ollos redes

O prometido é débeda. Xa adiantaba no Post anterior que tiña que falar dos polímeros mais veces. Neste intre imos facer unha comparativa con algo tan galego coma son as redes de pesca, sólidos alicerces da industria pesqueira dende os comezos ata os nosos días. O mesmo pasa cos polímeros, evolucionan espallándose como peixes no mar.

chasula redes.JPG
Existe cerca xenreira co tema dos (polímeros) plásticos, porén, tento darlle unha reviravolta xa que están enredados coa pesca. Aínda así, o seu tratamento como refugallo segue a ser un problema medioambiental, e esa é a nosa preocupación.
Teñen a mesma importancia que os aparellos de pesca: bous, nasas, palangres, tarrafas ou boliches que permitiron activades pesqueiras. Estes aparellos cambian de materiais ó mesmo tempo que avanza o desenvolvemento do polímero.
As mallas das redes técense de fibras de orixe vexetal, animal, mineral ou química sintética. As de orixe animal como la, seda ou coiro, eran moi limitados na pesca; as redes de orixe mineral eran de asbesto ou amianto, sen emprego na pesca extractiva. Salientable é a procedencia vexetal e química sintética.

IMG_20160716_172721
O cánabo é unha planta da familia das cannabáceas, de ata catro metros de altura da que se obtén a fibra téxtil para cordas, sacos e redes.
O algodón é moi pouco resistente á abrasión, emprégase a semente para liñas e redes de enmalle.
Estas fibras teñen problemas de conservación xa que sofren fatiga e descomposición bacteriana. As redes do pasado mollábanse no mar despois de lavalas e pendurábanse en zonas amplas coma alameda de Bouzas. De feito, as casiñas amosaban un puntal onde pender a rede toda a noite.

taller dornas
O Bou é un aparello de arrastre que as autoridades da Mariña prohibiron por ser raspeira e onde pasaba, arrasaba con todo. Consentíase como patexeiro, uso de pobres para coller chocos, luras, eiroas ou fanecas e ata centolas. Empregouse moito como abono das terras o patexo (polybius henslowii), un cangrexo pequeno doado de pescar co bou.
O bou de fóra ou de altura foise desenvolvendo a medida que se descobren novas presas criadas máis lonxe. Arrastreiros e rampleiros colgaban na popa salientando os anos de 1975 ata 1990. Acabou destruíndo os ricos cantís e criadeiros a rente do fondo e afastando as flotas de baixura.
A liña foi un aparello de pesca menor para calquera auga. É moi simple, un fío longo armado con chumbo e anzois segundo a especie a pescar. Os primeiros fíos mais resistentes eran de liño e cánabo; deron paso ó algodón, esparto, sisal a abacá e outros. Esta evolución no material trouxo capturas máis pesadas e abundantes de badexos.

IMG_20170517_133052_193
Outro dos aparellos é o palangre, composto de delgados cabos divididos en seccións ou palangres (cestos) onde encarnaban os anzois con choco, parrocha ou xurelos. Servía para pescar polbos, moreas, melgachos ou congros e cada brazolada chegaba a medir ata 30 metros.
O boliche é o mesmo que o bou para a praia e tamén foi arredado do mar po ser aparello de arrastre. Antes de largalo, xa de véspera, tiñas que gañar a “posta”: cunha lanchiña na praia onde se quería dar o lance, levantaban un remo e o deixaban caer berrando “posta”, asi ninguén podía pescar alí mais ca ti. Ó día seguinte, mulleres, nenos e homes largaban cabos á terra para recoller a pesca e facer o reparto.

“adeus postas e boliches,
as praias non vos verán,
o corno ficará mudo,
xa non ten porque roncar”

O xeito é o aparello mais pobre e non facía mal. Armábase dalgunhas pezas que se xuntaban unhas con outras antes de largalo; tendíase a todo o longo do mar a través da corrente. O xeito ten 3 lances: o asexo despois da posta do Sol, o amanexo antes de abrir o día e a galga, cando o Sol estaba alto. O peixe quedaba mallado e tiñan que ter “xeito” para retirar amodo sen desfacelo.
Os inimigos deste aparello eran golfiños e fouliñas, que brincaban preto das sardiñas fitadas nas mallas. Para enxoitar as redes, tiñan unhas cabrias ou paus de pino cravados na ribeira.
A rapeta, o mesmo ca tarrafa e racú, son aparellos de cerco con traias e xaretas que cerra o saco pola pedreira, quedando así o peixe embolsado. Este aparellos enchían os píos de conserveiras e salgaduras, cercando a sardiña, parrocha, bocarte, xurelo ou lura de noite e de día.

redes e polimeros celulosa

polímero de celulosa
As redes sintéticas son un grupo heteroxéneo de fibras derivadas do benceno, fenol, acetileno, etc. As primeiras incursións falan do século XIX, aínda que no 1920 o químico H. Straudinger (Premio Nobel no 1953) revolucionou coas novas fibras.

551px-Hermann_Staudinger
As proteínas e celulosas desprazaron o algodón como materia prima para fibras semisintéticas como fibra acetil celulosa, goma de cloro ou fibra de proteína como o ácido alxínico.

ácido algínico
As redes actuais ármanse de poliamidas, grupo de fibras sintéticas como son amilán, perlón, kaprón ou rilsan.
O nailon, poliamida para pescar en enmalle, e o poliéster para redes de maior tamaño son a botadura na confección de cabos e fíos. Colchar é torcer o fío nun sentido e non contrario para trenzar o cordón feito de fibras continuas nun multifiado de poliamida ou poliéster.

agulla redeiras
Para confeccionar a rede empregaban agullas de madeira flexible e resistente (familia das mirtáceas) ou as barbas da balea. Co paso do tempo, este aparellos mudaron para o (polímero) plástico e agullas metálicas de aluminio ou latón, inda que estas son ríxidas e menos empregadas.

IMG_20170517_133351_169
No primeiro paso da rede polimérica e dependendo do tipo, danse as reacción de adición cos monómeros de cando menos 1 dobre enlace ou condensación, onde fan falta moléculas diferentes bifuncionais e reactivas como aminas e dioles que van ó mar na forma de poliamidas e poliésteres. A polimerización en cadea emprega 3 pasos, o mesmo que o lance do xeito: iniciación, propagación e terminación. Neste caso, a etapa de iniciación agocha a produción dos radicais libres para a propagación da rede polimérica.
O mesmo que fan as redeiras, o entrecruzamento de moléculas lineais dun polímero termoplástico aumenta a rixidez do material. Xuntanza de átomos entre moléculas adxacentes de xofre no caso do poliisopreno, minguados e crecidos polo nó das mallas.
Hoxe, no noso día das letras galegas, sirva de homenaxe para as mulleres do mar: redeiras de polímeros e artistas de nós firmes da nosa terra.
BIBLIOGRAFÍA
“Cousas, contos. Lembranzas da terra, do mar e da nosa xente”, Emilio Santos Martinez.
“Polímeros en Introducción a la Ciencia de Materiales para Ingenieros”, Prentice Hall.
“La pesca profesional y su técnica”, Francisco Eiroa del río
“Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro”, Xavier Rdez Vergara.